
- Este evento ha pasado.
Fene celebra a II Xornada Literaria no Pote con autoras e autores de Ferrolterra
junio 13 @ 18:00 - 21:00

Este venres 13 de xuño, a entidade cultural O Pote de Maniños, en Fene, converterase nun punto de encontro para lectoras, lectores e creadores locais coa celebración da II Xornada Literaria no Pote, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Cultura en colaboración coa SCRD O Pote e a asociación AETNA, que reunirá a preto de 25 autores e autoras da comarca de Ferrolterra.
A xornada arrancará ás 18:00 horas coa apertura da feira do libro, onde se poderá mercar e asinar exemplares das obras presentadas polos escritores participantes. Ás 19:00 horas terá lugar o acto de inauguración oficial, que contará coa presenza da alcaldesa de Fene, Alejandra Permuy, o concelleiro de Cultura Justo M. Ardá, e representantes das entidades organizadoras.
Un dos momentos centrais da tarde será o coloquio entre Iago Fandiño e Paula Carballeira, escritora, actriz e contacontos moi vinculada á escena cultural galega. A continuación, a partir das 20:15 horas, celebrarase a presentación de dúas novidades editoriais destacadas: Detective Ferruchi, de Marta Villar (Premio Xerais 2024), e O Clan das Barbies, de Antía Yáñez, quen compartirá escenario coa escritora María Nieto.
A feira contará con presenza de autores como Cova PL, Javier Regueira Serrano, Raquel Villanueva Lorca, Teresa Cameselle, Xosé Fernández, Soraya García Riveiros, Sabela Cagiao, entre moitos outros nomes que amosarán a diversidade e vitalidade da creación literaria na comarca.
A xornada está pensada como un espazo de visibilización e diálogo arredor da literatura, coa participación activa do público e o apoio de entidades como a Asociación Galega de Escritores, Imprenta Sanesteban ou Eroski. Unha cita para celebrar as letras cunha marcada identidade local e galega, nun formato accesible, próximo e participativo.