
- Este evento ha pasado.
Cociña en directo e sabor do mar no Showcooking Mariñeiro de Ferrol
junio 13 @ 11:00 - 12:00

Este xoves 13 de xuño, a sala Curuxeiras da Autoridade Portuaria de Ferrol acollerá un evento gastronómico moi especial: o Showcooking Mariñeiro, unha actividade pensada para o público adulto que mestura cociña en directo, formación culinaria e degustación final de pratos elaborados con sabor a mar.
A cita dará comezo ás 11:00 horas e contará coa participación de tres chefs locais con experiencia e personalidade: Álvaro, Dani e Queca, integrantes da asociación de hostalería Fervello, que serán os encargados de conducir a sesión. A actividade forma parte do proxecto Nós Mariñeir@s, promovido polo Concello de Ferrol e financiado con fondos europeos a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura) e o GALP Golfo Ártabro Norte.
Tras o éxito dos obradoiros infantís organizados anteriormente, esta nova sesión está dirixida a persoas adultas interesadas na cociña tradicional mariñeira, nos produtos locais e na posta en valor da cultura gastronómica ligada ao mar.
A actividade é gratuíta, pero conta con aforo limitado a 30 prazas, polo que é preciso inscribirse previamente a través do Whatsapp 604 046 359. As prazas asignaranse por orde de solicitude ata completar o cupo.
Unha oportunidade para aprender, saborear e coñecer máis de preto a tradición mariñeira de Ferrol dende os fogóns. Para máis información, tamén se pode contactar co equipo organizador en nosmarineiros@ferrol.es.